4/30/2007

Xuntos e máis nada

Esta novela de Anna Gavalda narra a evolución persoal e sentimental de tres personaxes en aparencia moi distintas entre si pero cun perfil semellante. Todas elas son persoas derrotadas e solitarias, con pasados familiares traumáticos e destrutivos. Coincidencia que diminúe en parte o realismo da novela pero lle aporta grandes doses de dramatismo. Estes individuos, que parecen condenados á soidade, son quen de espertar outra vez á vida e gozala grazas ó amor.
Os aspectos máis positivos da novela son basicamente dous: por unha parte, aínda que a principal protagonista é Camille e é ó seu redor onde se desenvolven todos os acontecementos, tamén o resto dos personaxes están ben definidos, o que lle confire certa variedade á obra. Por outra parte, a autora consegue facer os personaxes cribles e familiares mediante o emprego de diálogos e recorrendo con frecuencia a descricións e imaxes. Nesta liña cabe destacar, asemade, o realismo co que a autora reflicte nas súas páxinas estados como a vellez ou a morte.
Como aspecto negativo, podemos mencionar o feito de que a novela baixa en interese cando se centra no romance entre Camille e Franck (que, previsiblemente, comezaran case odiándose), deixando desatendidos outros personaxes tan interesantes como Philibert ou Paulette.
Javier Davila

Nos primeiros capítulos non me tiña moi boa pinta, parecía demasiado dramático, todo eran problemas. Pero pouco a pouco foime embelesando, non coa historia, senón coa forma de contala. Supoño que tamén fixo un moi bo traballo a tradutora, cada palabra está escolleita dunha forma que calquera frase ten sentimento. Os diálogos tan curtos son suxestivos, á vez que efémeros. So se me facían algo aburridas as narracións de Philou cando eran longas porque estaba impaciente por saber que ía pasar a continuación e eu non fun capaz de encontrarlle un paralelismo entre as dúas historias.
O final, aínda que me encantou, era demasiado esperado, chegou un momento no que non era difícil adiviñar o que antes ou despois acontecería, pero só pola forma de contalo merecía a pena seguir lendo e a pesar de saber de seguro que iría haber un final feliz, sorprendinme.
En resumo, que me gustou moito. Enganchoume coma non me enganchara ningún libro longo dende había tempo, deume mágoa rematalo.
Uxía Piñeiro